lunes, 7 de enero de 2013

Estes son os nosos principios (se non lle gustan, temos outros)


A ASOCIACIÓN CICLISTAS GALEGOS constitúese coma unha organización que ten por obxecto unha adicación xeral o mundo do ciclismo en tódalas súas vertentes e, en particular, a defensa do colectivo ciclista, no senso máis amplo do termo, en atención á actual situación de desagravio e menosprezo flagrante que dito colectivo sofre e tendo presente a desconsideración institucional para co mesmo.

Con tal pretexto, a ASOCIACIÓN CICLISTAS GALEGOS pretende promocionar o uso da bicicleta así como dar un novo impulso na labor de representación da familia ciclista, atacando tódalas taras que ésta sofre, poñendo voz ás súas dificultades, procurando as súas solucións e, sobre todo, erixirse na entidade que implemente as actuacións en nome do ciclismo galego ante as Administracións en tódolos eidos á vista do caso omiso co que tan a cotío éstas proceden ante a dificultosa e accidentada realidade diaria do mundo do ciclista.


E dita labor será realizada baixo a constante observancia do seguinte decálogo principios:

1. PRINCIPIO DE INDEPENDENCIA.
A ASOCIACIÓN CICLISTAS GALEGOS constitúese nunha asociación cuxo motor é o interese mutuo dos seus integrantes polo mundo da bicicleta en xeral e a figura do ciclista en particular e, por ende, o funcionamento da mesma non depende de mecanismos institucionais nin obedece nin á obtención de favores de terceiras persoas.
Por outro lado, tampouco dependemos de ningunha federación ciclista de ningún rango, á marxe das colaboracións que, puntualmente e por razón da materia que compartimos, poidan xurdir.

2. ADICACIÓN EXCLUSIVA.
Somos unha asociación que non ten ulteriores obxectivos que trascendan da propia esencia da institución. Somos unha asociación de ciclistas, creada por e para ciclistas, cuxa actividade repercute toda nos ciclistas. O ciclista é o gran atropelado, e non só fisicamente, no noso sistema viario: cómpre facerse respetar.

3. AUSENCIA DE ÁNIMO DE LUCRO.
As persoas que integran a ASOCIACIÓN CICLISTAS GALEGOS actúan en favor dos obxectivos da mesma sen ánimo de obter ganancias económicas nin ningunha outra sorte de prestación, máis alá dos beneficios que a propia actividade da propia asociación poida xerar para o colectivo ciclista.

4. PRINCIPIO DE OMNIPRESENCIA.
É pretensión da ASOCIACIÓN CICLISTAS GALEGOS estar alí onde un cada ciclista, profesional, afeccionado ou mero usuario circunstancial da bicicleta, teña un problema ou dificultade, axudándoo na procura de solucións así como procurándolle a tutela que, dentro das posibilidades da asociación, se lle poida dispensar. A filosofía é que cada ciclista é un potencial embaixador da nosa asociación e, como tal, debe saberse asistido dela no caso de precisalo.

5. FOMENTO DOS VALORES CICLISTAS.
Dende a ASOCIACIÓN CICLISTAS GALEGOS cremos no ciclismo como cuna de valores dignos de promoción: solidaridade, compañeirismo, educación, respeto polos demáis, etc. son valores inherentes á práctica da bicicleta como medio de transporte, como deporte ou como simple actividade de ocio e que cremos preciso por en alza.
Cremos e sostemos que a cultura do esforzo que o ciclismo impulsa é un valor e un principio esencial na sociedade do pasivismo radical que nos rodea.

6.MEDIO AMBIENTE.
Cremos vital a promoción do ciclismo como medio para, de xeito paralelo, fomentar a cultura da ecoloxía e a defensa medio ambiente, eido no que a bicicleta, como medio de transporte ecolóxico por excelencia, xoga un papel de incuestionable importancia. Con tal pretexto, facemos nosa, asemade, a vontade de colaborar con actividades e asociacións que, tendo en conta o obxecto da nosa asociación, consideremos dignas de interese na procura dun mundo máis verde.

7. ARIETE DO CICLISMO.
Posto que cremos que a figura do ciclista está a ser vilipendiada e castigada por medio do silencio, a pesar do grande número de vítimas mortais que se produce neste país, asumimos como propio o cometido de poñer voz a todos e cada un dos accidentes nos que se vexa implicada unha bicicleta ademáis de denunciar polos cauces que estimemos acordes ás circunstancias cada un destes acontecementos.

8. COMPROMISO HORIZONTAL.
Na ASOCIACION CICLISTAS GALEGOS comprometémonos a prestar a nosa colaboración con aquelas outras asociacións, sinaladamente de ámbito deportivo, que cremos que compartan os valores que a nosa asociación impulsa, para cuxo pretexto estaremos constantemente prestos á realización de calquera sorte de actividade que revirta no fomento daqueles valores.

9. DISCRIMINACIÓN POSITIVA.
Esta asociación considera que, en tanto que clase oprimida e parte débil no catálogo de usuarios das nosas estradas, camiños e vías pecuarias, o ciclista precisa unha normativa sustantiva que expurgue o páramo legal no que este se atopa e sexa creada unha situación máis favorable a este non só para equiparala situación legal mínimamente co resto de vehículos senón tamén para que esa normativa actúe como mecanismo de prevención fronte ás situacións de abuso que a cotío viven quenes utilizan a bicicleta.

10. PRINCIPIO DE INFORMACIÓN.
Nesta asociación cremos firmemente na información como medio para evitar e previr problemas polo que nos poñemos á enteira disposición de todo aquel que precise información en materia de circulación ou simplemente queira solventar dúbidas, tanto ciclistas coma conductores de vehículos a motor. Do mesmo xeito ofrecemos asesoramento, información e axuda técnica para aqueles que se inician no mundo da bicicleta así como a aqueles que buscan mellorar. A información é tan importante no mundo da bicicleta coma os propios pedais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario