miércoles, 23 de enero de 2013

Vamos de paseo PI, PI, PI. (Resposta a J. M. Cernuda).


Esta entrada pretende ser unha contestación a D. José María Cernuda quen, tra-la morte de Victor Cabedo, publicaba no seu blog o artigo “En la muerte de un ciclista” (http://www.huffingtonpost.es/jose-maria-cernuda/en-la-muerte-de-un-ciclis_b_1910191.html) no que opinaba sobre os accidentes con bicicletas nas estradas e criticaba que os ciclistas empregasen a estrada para se entrenar porque, según o autor, as vías públicas están para "cousas máis serias". 
Como ás poucas horas da súa publicación eliminou a posibilidade de engadir calquera comentario a semellante “burrada” (non me extraña), lle deixo aquí a miña contestación. Para ir por orde, un pequeno resumo: o autor equiparaba o entreno en bicicleta por estrada con situacións tales como a duns nenos xogando ó fútbol no medio da rúa ou correr un rally nunha estrada aberta á circulación.

 Facendo un esforzo en comprende-lo razoamento do autor e outorgándolle un marxe de razón, da cal penso que carece; vou facer un exercicio de absurdo e continuar coa sua deducción. É doado: se a vía pública non se pode usar para unha actividade lúdica como facer exercicio (primeiro os rapaces xogando ó fútbol, logo o ciclista entrenando, supoñendo que non se trate de un profesional, supoño) o seguinte paso será non permitir que se use para outras actividades lúdicas como ir á capital ó cine, ou con uns amigos a cear; nin outras lúdicas á par que perigosas (cantas veces vemos un coche saír á carretera a 30 km/h para parar 500m máis adiante na seguinte taberna). 

A consecuencia non sería outra que a completa “profesionalización das estradas”, o que nos levaría a que só se podería conducir para ir traballar, e punto; iso sí coas preceptivas e tasadas excepcións que representarían as urxencias sanitarias e pouco máis. Calqueira outro uso que se lle quixera dar á vía pública sería considerado fraudulento, nocivo e incluso delictivo, e debería ser erradicado. Do mesmo xeito, penso eu, que deberíamos erradicar profesionalmente a certos xornalistas que verten nos seus blogs todo aquilo que “vomitan” as súas neuronas así, tal cual ven e sen peneirar nin nada.

Poñéndonos agora un pouco máis serios me gustaría aprobeitar esta resposta por alusións ó señor Cernuda para aportar unha idea útil, seria e que esperte interés por algo distinto da simple polémica e o morbo que tan en boga están na prensa deste país. Se trata dunha medida sinxela, con un fin semellante (racionalizar-lo uso das estradas), pero con medios razoables e practicables nun Estado de dereito. Esta medida é a que recentemente ven de ser plantexada na Mesa Nacional da Bicicleta por unha asociación madrileña, e non é outra que a aplicación do Imposto de Circulación de Vehículos de Tracción Mecánica en función dos quilómetros anuais percorridos, medida interesante e merecedora, baixo o meu criterio, de un estudo serio.

De chegar a aplicarse pagaría máis quen máis quilómetros fixese, e menos o que tivera o seu vehículo a motor parado no garaxe.

Un punto negativo quizais o poidamos atopar en aquelas persoas que se teñen que desprazar todos os días ó traballo e non contan con outra alternativa de transporte público. Ademáis a primeira vista, a medida puidera parecer inxusta ou que se afasta do principio de capacidade económica que debe rexir toda a lexislación tributaria. Pero analizada máis polo miúdo non resulta irracional en absoluto:

En primeiro lugar a medida resultaría disuasoria no que atañe a eses quilómetros que facemos “de máis” por puro luxo ou capricho, simplemente por pasear, e durante os cales tamén contaminamos, gastamos e corremos perigos. Non se trata de prohibir andar de paseo, senón de gravalo con un imposto que deixe libres de carga a calquera outra forma de transporte que non implique o uso de un vehículo a motor propio. Pensando no modelo actual tampouco parece razoable que pague máis o que ten un vehículo de grande cilindrada parado no garaxe que o que malla quilómetros a diario co seu Renault Twingo, por exemplo. Máxime se temos en conta que o que ten o coche parado poida ser por mor de que se atopa nunha situación económica preocupante e non estaría de máis “prémialo” con un imposto un pouco máis baixo (e de paso devolverlle os cartos que lle colleron nas “preferentes”!).

Este modelo impositivo tampouco impide estes “paseos”, tan só os grava con un imposto co gaio de empregar posteriormente eses cartos en, por exemplo, mellorar as nosas vías (ou en “pagarlle as vacacións” ó Presidente do Tribunal Supremo, pero iso é outro problema). De feito xa existen exencións neste imoposto para os propietarios de coches pouco contaminantes, por exemplo.

A medida ademáis potenciaría o uso de outros medios de transporte (non só a bici) como son os eternamente esquecidos medios de transporte públicos; melloraría a caótica circulación nas nosas cidades ateigadas de vehículos: aparcados en dobre fila (para deixar a película no “videoclú”), dando voltas para aparcar na porta do súper ou parando un momentiño a deixar a un amigo, mentres que o de detrás pita como un tolo porque non chega a tempo para ver o fútbol. Fomentaría actividades máis saudables, como camiñar (a ver se de paso lle damos algo de choio ós zapateiros que están a dúas velas), etc.

Non debemos pasar tampouco por alto a parte ecolóxica da medida. A previsible reducción das viaxes motorizadas axudaría a que diminuíse a polución nas grandes urbes, axudaría a respirar ás persoas con problemas de saude e, por fín o Concello de Madrid non tería que maquillar os datos de contaminación cando os medios sacan nos informativos a famosa “boina” sobre a capital.

Ó fin e ó cabo, a medida ten os seus contras, como todas;  e a análise aquí feita dista moito de ser completa. Pero poñendo na “miña balanza” os pros e os contras da medida o desequilibro está claro: que pague máis quen máis quilómetros fai, sobre todo aqueles quilómetros que son supérfluos, de capricho e antieconómicos. E deixemos de lado “tolerías” como as que propoñía o noso amigo no seu blog que, están ben para "entreter á plebe", porén no noso blog nos tomamos as cousas, con humor, pero moi en serio!!!

2 comentarios: