domingo, 10 de febrero de 2013

Somos distintos, pero... ¡un respeto!


Dende a irrupción dos vehículos automóviles nas vías públicas (moi posterior á das bicicletas) a situación dos usuarios das mesmas, particularmente a dos ciclistas, mudou en tódolos sensos. A aparición a finais do século XIX e comezos do XX dun vehículo de considerable volume e capaz de alcanzar grandes velocidades foi relegando á marxe das estradas, primeiro por costume, logo por leis ad hoc, ó resto de usuarios da vía pública co pretexto de que aqueles vehículos motorizados puidesen desplazarse causando os menos perigos posibles. Esta circunstancia abocou na consecuencia, aínda imbuída na mente de moitos conductores, de que os coches en xeral son os amos e señores da estrada, mentres que os demáis se deben “botar a un lado”, nunca mellor dito.



Co paso dos anos este pseudorazoamento foi calando, e a carestía daquela primitiva normativa, consuetudinaria ou lexislativa, foi manifestándose como evidente. Emporiso, xurdíu a idea de crear unha delimitación espacial mediante a cal, cun trazado de liñas lonxitudinais, se separaba o espazo da estrada destinado ós vehículos a motor, a calzada, do espazo para o resto de usuarios,sinaladamente ciclistas e peatóns, que é o coñecido como arcén. Era a consolidación do automóvil como rei da estrada e a marxinación definitiva dos demáis. Non obstante, nesa vontade de mellora das estradas e das rúas das cidades o salto definitivo veu dado coa introducción no antigo arcén dun elemento que illaba ó peatón, como usuario exclusivo do mesmo, da estrada: a beirarrúa ou acera. Un elemento que, efectivamente, supuxo un notable avance na seguridade peonil e na ornamentación urbanística pero que denostou definitivamente ó arcén como parte da vía pública e ó ciclista como usuario do mesmo, chegando a ser reducido aquel ó mínimo e, inclusive, facéndoo inexistente. É dicir, un destino parello ó do ciclista.


Así as cousas, a problemática quedou prácticamente reducida a unha sinxela cuestión bifronte pero que aínda hoxe carece de solucións aceptables: os ciclistas, que quedaron relegados a un moi minorado arcén, e os vehículos a motor, aínda baixo o influxo da concepción señorial da estrada.

Sen embargo, xa centrándonos no noso país, os diferentes corpos normativos reguladores da circulación viaria, facendo caso omiso das diversas circunstancias que atinxen a colectivos tan diferenciados como o son ciclistas e automovilistas empéñanse en mesturalos como se se tratase de entidades xurídicamente análogas cando non é así. Emporiso, dende a ASCIGA, consideramos insuficiente a existencia de normas para o ciclista “metidas con  calzador” no Código de circulación, a xeito de excepcións ou apuntamentos ás normas para os vehículos automóviles, e avogamos pola existencia dun corpo de normas específico para o ciclista como suxeito diferenciado. Diversas son as razóns que nos impulsan.

-         Non é concebible tratar como situacións de igualdade, sobre todo no tocante ás sancións, situacións manifestamente desiguais nas que existe un suxeito débil, como é o ciclista, e un suxeito preponderante, o automóvil.

-         Os medios polos que se moven son asimesmo diversos. Ainda que ambas forman parte integrante deso que todos coñecemos como estrada é unha realidade indiscutible que as políticas públicas e os coidados limítanse ó mantemento da calzada mentres que o arcén, se existe, acaba converténdose no caldeiro do lixo dos automovilistas, ó que se arroxan todo tipo de obxectos sen que sexan obxecto de limpeza, co perigo que iso conleva para os ciclistas. Recordámosvos que na ASCIGA facemos acopio de fotografías e todo tipo de documentos nese senso, e que nos podedes facer chegar, en pos da denuncia.


-         O ciclista emprega o seu propio esforzo para moverse e desplazarse, sexa para un simple recado ou sexa para un adestramento de longa distancia. En calquer caso, dita circunstancia debe imperativamente convertelo nun usuario privilexiado e deben provérselle os medios para poder facelo e deben poder ser denunciados por calquer medio os abusos de superioridade dos restantes usuarios.

-         As normas sancionadoras dos ciclistas deben ser atenuadas cando non suprimidas, a cuxo efecto a ASCIGA interesa a creación dun código específico ou un apartado no Reglamento de circulación na que se conteñas as conductas reprobables, e soamente as de maior lesividade. Téñase en conta que cando un ciclista comete unha infracción é precisamente este quen asume un risco, pero un risco no que soamente pon en perigo a súa propia vida, que, ainda non reputándose como excusa bastante, marca unha importante diferencia respecto dos “despistes” ó volante que, sabido é, deixan un diario e constante regueiro de mortos, infractores e inocentes.

-         Promovemos a utilización dun catálogo de aparellos electrónicos que non entorpezan a circulación do ciclista, tales como poden ser reproductores MP3 ou teléfonos móviles acoplados no manillar. Non é aceptable que se permita a manipulación de certos equipamentos de serie en automóviles tales complexas pantallas táctiles de utilidades varias ou aparatos de radio de enorme complexidade, e a cotío con decenas de funcións, co perigo que dita manipulación supón, e que se sancione o emprego de sinxelos, case rudimentarios aparellos de música que non crean perigo.

-         Os automóviles, dende sempre, e cada día máis, incorporan elementos de seguridade activa e pasiva cualitativa e cuantitativamente funcionais que permiten garantir a seguridade do conductor en circunstancias normais e que este saia ileso de accidentes de carácter leve o cal implementa a falsa creencia de que aquel se pode distraer en zonas de reducida velocidade por esa confianza na seguridade propia. Nembargantes, un incidente que para un automóvil pode revestir carácter leve pode ser sinónimo de morte se as circunstancias fan que nesa situación concorra un ciclista dado que os elementos de seguridade deste se reducen ó casco, se se pode reputar como tal.

Non promovemos unha dictadura do ciclista nas estradas nin sequera unha amnistía respecto das sancións, senón que loitamos por unha auténtica XUSTIZA VIARIA, co pretexto de buscar unha normativa máis coherente e lóxica coa realidade das estradas. Unha realidade da que, moitas veces por desgracia, temos un fidedigno coñecemento, o cal nos lexitima para sabermos qué é o que precisamos. Cremos que poñendo o noso gran de area contribuiremos a facer das nosas estradas uns camiños mellores para todos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario