viernes, 8 de marzo de 2013

NON NOS TÓQUELA... BOCINA.





Dende tempos ancestrais o ser humano sente a necesidade de comunicarse cos seus conxéneres. Neste eido, a primixenia base da comunicación, sustentada máis en cuestións xestuais e acenos con acompañamento de sons carentes de significado, que foron dando lugar a unha especie de linguaxe, foise acompañando de representacións simbólicas reflexadas en pedras ou calquera sorte de superficie que se prestase a elo, pero imposibilitadas de transmitir mensaxes. O fito crucial, ata o punto de marcalo fin dese periodo coñecido como a Prehistoria, constituíno a invención da escritura, que se sitúa en Mesopotamia, alá polo 3500 a.C.


Non obstante estes acontecementos históricos, a linguaxe xestual e de símbolos (tamén chamada “linguaxe non verbal”) non desapareceu nin minguou senón continuou sempre a formar parte da mensaxe verbal, ata o punto de revelar a intencionalidade do emisor ou aportalo verdadeiro significado daquel. Inclusive a día de hoxe, xa sexa mediante normas que as regulan ou pola forza da costume, na sociedade das tecnoloxías e das comunicacións, a linguaxe non verbal é un piar esencial do noso modelo de convivencia e sen o cal existiría unha anarquía caótica en troques da sociedade pretendidamente organizada que temos. Emporiso, para todo cidadán que se precie e que queira vivir en harmonía cos seus conxéneres o dominio destes códigos revélase coma unha cuestión capital.  E é aquí onde irrompe un dos elementos de comunicación non verbal que, ainda a pesares da súa importancia na circulación vial e ainda tendo en conta a súa lonxevidade nestos mesteres, non se prestou a un consenso real sobre o seu uso. Como na ASCIGA o consideramos, no que atinxe ós ciclistas, non soamente coma un elemento preventivo de accidentes senón coma un elemento de seguridade e un auténtico salvavidas, cremos que a súa utilización debe ser homoxeneizada.


Por esta razón, aproveitamos este espazo para poñer á disposición dos automovilistas un código para o emprego da bocina á hora de achegarse ante os ciclistas na estrada. Para unha mellor comprensión empregaremos o guión (─) para representalo pitido longo(entendendo por este aquel de duración superior a un segundo) e o punto (·) para representalo pitido curto (de duración inferior á de un segundo).


  • Un pitido curto (·) será utilizado para iniciala maniobra de adiantamento ós ciclistas. Pode, asimesmo, utilizarse con ese propósito unha secuencia de dúas sinais curtas (· ·). Actuando de tal xeito, rodando os ciclistas en grupo, poderán todos eles percatarse da manobra a realizar polo vehículo que adianta e adoptar o comportamento que resulte acorde ás circunstancias.
  • Se a manobra se prolonga, por mor da cantidade de ciclistas que integran o grupo que está a ser adiantado, por exemplo, deberá irse advertindo cada 5-8 metros ou cada 5 segundos (en función das circunstancias) que dure o adiantamento, para que os sucesivos integrantes do grupo se percaten da manobra realizada polo vehículo.
  • A pesar de que a mera constatación visual permite corroboralo, un pitido curto (·) e, preferiblemente, dous curtos (· ·) deberán ser empregados para advertir da finalización da manobra de adiantamento e, dese xeito, transmitir ós ciclistas conformantes do grupo, sinaladamente os das derradeiras posicións, que a situación de risco derivada do adiantamento rematou.
  • Un pitido longo (─) será empregado para advertir ós ciclistas dalgún perigo ou para evitar un accidente en caso de inminencia do mesmo. Se a gravidade das circunstancias ou a situación de perigo é prolongada poderán ser emitidas varias sinais sonoras consecutivas (─ ─) ou unha moi longa(───).
  • NUNCA, debe ser empregada a bocina para recriminar comportamentos alleos, moito menos do ciclista en tanto parte débil de todos os usuarios das estradas. Debe terse presente que o Real Decreto 1428/2003 polo que se aproba o Regulamento Xeral de Circulación para a aplicación e desenvolvimiento do texto articulado da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 339/1990 prohíbe expresamente todo uso de sinais sonoras distinto do contemplado no seu texto, sobre todo se o emprego daquelas é inmotivado ou esaxerado.


Porque, aínda é fundamental, non todo é gardala distancia de 1,5m. Iniciativas varias, coma a campaña “Danos 1 segundo” (páxina de Facebook: http://www.facebook.com/Danos1Segundo) traballan precisamente nese senso: promulgar unha serie de conductas e actitudes á hora de adiantar ciclistas, buscando inculcar nos conductores un comportamento paciente, coherente e solidario para realizar esta manobra, comportamento ó que fai unha evidente alusión o nome desta exemplar iniciativa.


O correcto emprego da bocina contribúe á correcta realización dunha manobra que entraña multitude de riscos e, de ser asumida polos conductores na realización de adiantamentos a ciclistas, especialmente cando estes circulan en grupo, axudará a salvar moitas vidas. É evidente que o ciclista non porta os elementos que lle permitan advertir outro tipo de sinais (coma as sinais ópticas de intermitencia) dos vehículos cando estes inician o adiantamento, e de ahí a importancia das sinais acústicas. ASCIGA tutelamos a defensa do ciclista como suxeito distinto no emprego das vías públicas, que esixe un tipo de normación distinta dadas as particulares, e perigosas, circunstancias nas que circula. E, en tanto non se produza esa mutación da normativa para co ciclista, esta debe ser adoptada por medio dun código de conductas coma a que vimos de expor xa que en casos coma este é evidente que non se trata dun uso “inmotivado ou esaxerado”, segundo o teor literal do artigo 110 do texto Reglamentario. Xusto ó contrario, as noticias de falecementos de ciclistas por causa de atropelo, converte este emprego de sinais sonoras en “esaxeradamente motivado”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario