jueves, 9 de mayo de 2013

Novo Regulamento xeral de circulación V


Continuamos “desmontando” o anteproxecto da DXT. Hoxe unha de velocidades: as conflitivas “vías 30” e o límite para bicicletas:

Adiante pois: se está a considerar un grande avance e unha conquista do colectivo ciclista a instauración desta nova figura no Regulamento. Nada máis lonxe, na nosa modesta opinión, do que sería unha solución desexable. Imos por partes:

O artigo 50, na súa nova redacción, pretende instaurar esta nova figura que obriga, en zoa urbana e, en todo momento, a circular a unha velocidade igual ou inferior a 30 km/h. Vendo unha leve intención favorable ós intereses de quen circula en bicicleta por cidade nesta medida observamos un grande número de desvantaxes que nos levan a desaconsellala:

1.- Qué sentido ten que, en ausencia de ciclista nin outro tipo de circunstancia de risco, se obrigue ó condutor dun vehículo a motor a circular (por chamarlle dalgunha forma) a esa velocidade?

2.- Supoñemos que se terá valorado o impacto que esta aberración circulatoria suporá para a carteira dos condutores así como para o medio ambiente? É broma, estamos seguros de que non se ten valorado.

3.- O problema máis grave que observamos na medida e a consecuencia práctica que conlevará no comportamento dos restantes condutores para cos ciclistas (xa violento de por sí) unha vez que, establecida esta medida, os culpen pola inclusión dunha limitación que obstaculizará, máis se cabe, a abafante circulación polas nosas cidades e vilas.

4.- Para rematar se prevé que se poida permitir en vías de sentido único a circulación de bicicletas en contrasentido. Unha gravísima burrada, que conleva riscos inxustificables e que desenmascara este precepto como unha “palmadiña no lombo” ao colectivo ciclista para mantelo contento e calado, a costa da verdadeira seguridade viaria.


Estes tres motivos nos bastan para mostrarnos claramente en desacordo con esta medida, iso sí, non deixaremos de aproveita-la ocasión para propoñer unha regulación alternativa:

1.- En primeiro lugar queremos lembrar que a separación lateral obrigatoria de 1,5 m só afecta a vías interurbanas. Así como se o ciclista na cidade “adelgazase” ou fose recuberto cunha armadura que o fai invulnerable. Logo a primeira medida a tomar sería a de estender esta obriga ás vías urbanas, posto que o risco real para o ciclista é o mesmo. Acompañada esta obriga, por suposto das sempre esquecidas de sinaliza-lo adiantamento (hai unha palanquiña pequena á esquerda do volante) e a de adapta-la velocidade á do ciclista (non podemos adiantar a 50 Km/h a un ciclista que circule a 10, non pretendemos expoñer ó automovilista aquí os perigos que conleva, é perigoso e punto).

2.- De novo imos voltar á regulación nas glorietas, que nos parece debería ser extrapolada á circulación en calquera vía, pero que semella especialmente axeitada para a circulación por vías urbanas. Lembramos que o artigo 176.9 dirá así: “… el ciclista ocupará la parte de la vía que precise para hacerse ver. Ante la presencia de un ciclista el resto de vehículos reducirá su velocidad, evitará cortar su trayectoria y facilitará su maniobra en todo momento”; xa temos comentado que limitar este precepto á circulación nas glorietas supón "abri-la veda" sobre as agresións ós ciclistas.

Este debería se-lo marco esencial que regulase a circulación con bicicletas xa que realmente “prioriza” a circulación con bicicleta e non impón ó resto de condutores ningunha obriga máis que o respecto mínimo pola vida e a seguridade dos restantes usuarios das vías.


Para remata-la entrada de hoxe imos tratar un tema que nos chama poderosamente a atención: tal é o límite de velocidade para as bicicletas.

O artigo 48 do Regulamento establece unha velocidade máxima xenérica para ciclos de 45 km/h, se ben, este mesmo artigo establece unha exención para as bicicletas baixo certas circunstancias.

Tal como pretende establece-lo artigo 177.2 esta exención ten o límite da máxima xenérica da vía para o resto dos vehículos, logo non pensedes que non existe límite para as bicis. É de salientar que o lexislador confíe tanto na nosa potencia que faga depender esta exención das circunstancias da vía e non da nosa forma física. Bromas a parte, se estades a adestrar duro e facedes medias de velocidade altas, lembrade que nas zonas limitadas a 50 km/h ese límite tamén vos afecta.

Polo que a nós respecta nos preocupa o choque que se produce entre este artigo e o ordinal 9º da Lei de tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria que establece, resumidamente, unha obriga de dilixencia para todos os condutores, que deberán leva-lo seu vehículo baixo control en todo momento.

Particularmente se podería da-lo caso de que, ante un accidente no que se vexa implicada unha bicicleta que circula a máis de 45 km/h se poida chegar á conclusión de que por ese mero feito, o seu condutor non ía prestando a atención debida á condución e se lle acabe “colgando o morto”.


Son moitos os aspectos deste Regulamento que nos afectan, e de forma grave e importante, logo non estará de máis seguirmos atentos á evolución da discusión parlamentaria para ver en que dá todo isto. Unha vez concluídos todos os trámites dende a ASCIGA emitirémo-lo noso dictame e vos aconsellaremos para actuarmos todos xuntos en consecuencia co texto aprobado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario