sábado, 1 de junio de 2013

I MARCHA VIKINGA BTT CATOIRA


O domingo pasado asistimos ó estreo dunha nova ruta BTT e achegámonos ata Catoira para participar na I Marcha Vikinga de Catoira, organizada polos compañeiros do clube ciclista VikingBike daquel concello. Pese a que ese día, 26 de maio, había numerosas rutas, a presencia de ciclistas dende primeira hora facía presaxiar, como logo confirmamos, que a participación ía ser abundante. Finalmente, como antaño fixeron os Vikingos, os bikers comezaron a tomar as rúas da vila pontevedresa, chegando á cifra dos 350. Inmellorable tempo, gran ambiente e un percorrido por uns montes que presentaban un expléndido colorido avivado polo sol do amencer. Os prolegómenos eran bos e o que nos esperaba non ía ser menos.


Despois dun pequeno, case insignificante retraso na saída, comezamos a I Marcha Vikinga de Catoira entre vivas conversas, espléndido ánimo e contaxiados polo fenomental clima de compañeirismo reinante. Saímos na parte media-traseira do grupo, así que, para proporcionarnos unha mellor posición a partir da cal acometelas primeiras rampas evitando os embotellamentos (que non se produciron finalmente pola boa labor da organización), comezamos a adiantar posicións. Despois dun breve paseo pola vila, desviámonos cara uns camiños entre aldeas, entre as casas e co clamor dos aplausos dos veciños que acudían a animar ós participantes, sempre adiantando posicións. Pronto as árbores foron máis abundantes que as casas; o camiño adentrábase nas arboredas, camiño do monte Xiabre. As sendas, lentamente, comezaban a empinarse, con algunha que outra rampla esixente, pero sen ter que precisar esforzos inhumanos ainda que se producíu un cese automático das conversas que levabamos. Algún que outro paso entre casas, outros entre frondosos camiños abertos entre espectaculares túneles de xestas. Pero sempre co piso empinando cara arriba. Os participantes que sobrepasabamos ían quedando atrás e os que nos antecedían eran cada vez menos, pero todos dándolle ás bielas con ahínco e con bo espírito.



Pronto nos integramos nun pequeno grupo de tres membros constantes que levabamos un ritmo animado, estable e rápido. O grupo incrementábase cos participantes que iamos alcanzando, pero que non tardaban en descolgarse buscando o seu propio ritmo. Nos cruces, os membros de Protección Civil ou de VikinBikes estaban prestos a facer as indicacións oportunas cando non o facían as sinais deixadas, maioritariamente frechas pintadas aquí e acolá. Así pois, seguimos dando pedais, acompañados dos nosos tres compañeiros de viaxe, que pronto serían dous. Foi así como alcanzamos o final da subida ó Xiabre (que non se extendeu ata a cima), onde esperaba un completo avituallamento apenas recén montado, o que nos daba unha idea de que non ibamos a mal ritmo. Segundo nos fixeron saber, apenas nos antecedía unha decena de participantes, cousa que sorprendeu a quen escribe estas liñas despois de emprendela marcha na parte de atrás.


Así pois, despedímonos do alto do Xiabre e comezamos unha emocionante baixada que, na súa primeira parte, se extendeu por uns sete ou oito quilómetros de constante baixada por camiños máis ou menos anchos pero, por tramos, cheos de considerables pedras ou algún regueiro que atravesar, o cal obligaba a andar destros co manexo da bici. Aquí puidemos divertirnos un pouco noutros tramos de rápidas baixadas nas que o maior perigo viña constituido pola capa de gravilla solta que, nas curvas, daba algún que outro susto. Neste punto voltamos a ser tres, posto que un dos integrantes do grupo xa non nos seguía. Na segunda parte da baixada topamos cun par de trialeras entre pinos e eucaliptos, técnicas pero nun estado de limpeza tal que permitía desfrutalas en cada centímetro. Finalizada a baixada, novo avituallamento para repor forzas.

Despois dunha parada, retomamos o camiño acompañados, para variar, dos nosos dous compañeiros de viaxe e co ritmo alto de rodaxe como fiel acompañante camiño de Cordeiro (Valga). Os adiantamentos que efectuabamos eran escasos, case nulos. A partir de aquí o camiño transcorreu entre terreos chans que favorecían o ritmo alto que traiamos, deambulando entre pinares nos que atopamos algunha lameira que obrigou a buscar o mellor sitio para superalas ou a tirar de pedal a quen a acometía pola zona central. Foi nunha destas que un pequeno xiro inesperado provocado polo esmorecemento do terreo que pisaba fixo que eu probase o sabor da lama da zona, cunha espectacular invertida. Entre exclamacións os dous acompañantes deron conta do bo tombo, e seguiron o seu camiño. Visto que tardei en erguerme e que non me alcanzou ninguén a quen “engancharme”, coa lama por todo un costado, retomei o camiño coa idea de alcanzar ós compañeiros de novo. Co terreo picando cara abaixo, arriscando un chisco o físico e exprimindo cada pedalada o obxectivo completouse con éxito para sorpresa dos dous bikers que, lonxe de alterar o ritmo, seguiron tirando forte. Rodabamos agora polos típicos camiños de monte entre pinos, desviándonos de cando en cando para unha trialeira ou algunha baixada técnica, todas elas perfectamente acondicionadas e dispostas para desfrutar do manexo da bici sen correr máis riscos dos necesarios.


Chegados a Cordeiro, rodamos durante un bo treito por pistas asfaltadas. A inalterada unidade do grupo que formaramos comezou a difuminarse, quizáis porque os 30 km de ritmo moderadamente alto que levabamos facía mella nas pernas, e así por momentos quedábase algún de nós os tres e por momentos tomaba a dianteira. Algún camiño de monte, pistas paralelas ás vías do tren, ruteo entre viñedos... esa foi a tónica ata que o trazado se desviou por entre unha carballeira maravillosa, tanto para a vista como para dar pedais, xa que o camiño estaba impecable.

De ahí desviámonos ós quilómetros finais, que descorreron por un maravilloso e longo tramo polo paseo marítimo a carón da ría. Aquí alcanzounos o rezagado, que nos acompañara uns quilómetros atrás. Por suposto non podía faltar a visita ás emblemáticas torres de Catoira que, sorprendentemente producíuse por medio dun tramo que descorría polo interior dunha delas e cun sinuoso trazado entre os edificios integrantes do conxunto. Sen dúbida, sobresaínte. E ainda nos restaba por pasar por unha preciosa zona de muiños restaurados, algo de agradecer á vista, acostumados como estamos os bikers a velos derruidos e caíndo no medio dos nosos montes.



De ahí á meta, a ruta seguía polo tramo de paseo marítimo ata a chegada, que alcanzamos entre os 10 primeiros e onde nos esperaba un suculento reparto de empanada e bebida e un sorteo de material. En termos xerais non se apreciou que a ruta estivese na súa primeira edición dado que o trazado estaba ben deseñado, para todos os público, ben traballado, limpo e, non sendo un par de puntos concretos onde a sinalización era escasa e provocou algún que otro despiste, púidose rodar sabendo sempre por onde había que desviarse. Un notable traballo dos VikinBikes de Catoira que deixou nos participantes moi bo sabor de boca en tódolos sentidos. E, coma sempre, animámosvos a probala vindeira edición.

2 comentarios: