jueves, 19 de diciembre de 2013

FORZA MARQUE!!!




Antes de comezar a falar do “caso Marque” temos que, a modo de introdución, tratar de deixar claro “a qué xogamos”, isto é: todo o rebumbio que está a afectar ó bravo ciclista estradense ven orixinado por unha publicación nun medio do noso país. Tiven un profesor de relixión que dicía que o gran pecado dos xornalistas neste país era a falta de formación especializada, e non lle faltaba razón. Deste xeito, os “panfletos” que vemos nos nosos quioscos verten todo tipo de informacións e opinións sen sequera “peneiralas” (tal como lles chegan) movidos, nas máis das veces, por ocultos intereses.



Para centrarnos un pouco estamos ante un deporte, o ciclismo, maltratado e vexado a máis non poder polos medios de comunicación. Si, ese mesmo xornal que ataca a un ciclista por infiltrarse nun xeonllo mitifica a outros deportistas (doutros deportes obviamente) cando “lesionados” saen a xogar infiltrados: qué valentes!!! Carles Puyol, Rafa Nadal, Cristiano Ronaldo, Jorge Lorenzo… escándalos de dopaxe? Non carallo, heroes. Eles si.


Para máis indignación o control ó que son sometidos estes “outros deportistas” é irrisorio. Na LFP (Liga BBVA) se realizan "unha chea" de controis cada xornada… 4 en concreto. Si, dos 22 equipos de primeira división pasan un “control” 4 xogadores (dous de cada equipo) nun partido escollido aleatoriamente. Por qué entrecomiño “control”? Porque estas análises son de urina, nunca sanguíneos. Motivo? A LFP dí que son moi caros. A “mellor liga do mundo” non se pode permitir 600€ que custa unha analítica para velar pola saúde dos seus protexidos… e iso que cada pouco lle morre un no campo.



Pasamos ó que nos interesa. Como xa temos falado algunha vez, a meta dos controis anti-doping non é outra que protexer a saúde do deportista. Xa puxemos esto en dúbida algunha vez sentenciando que o que move á UCI non é este senón outros intereses, económicos maiormente, cando propón sancionar ó Pirata nove anos despois do seu pasamento.



Dopouse Álex Marque? Ata onde nós, e tamén o “xornalisto” que ven de manchar a súa imaxe, podemos saber, aparece unha substancia nunha análise realizada durante a pasada Volta a Portugal que se xustifica claramente coa documentación, selada pola propia UCI, aportada polo corredor o mesmo día que foi acusado publicamente. Unha das primeiras cousas que nos chamou a todos a atención aquel día foi o comunicado emitido por Movistar Team no que afirmaban que non contaban con Alejandro para a vindeira tempada e publicado antes sequera de que o ciclista comparecese ante os medios para dar algún tipo de explicación.


Semella unha falta de lealtade clarísima. Falta de lealtade que (ó igual que a de Valverde en Florencia) sería penada coa morte de estarmos en guerra… pero non, afortunadamente isto só e ciclismo, isto só é toda unha vida adicada a dar pedais. Esta falta de lealtade podería vir xustificada por unha vontade do equipo de verse a salvo de calquera tipo de sospeita de mala praxe, máis esta teoría non se ten en pé cando teñen un xefe de filas que xa fora, este si, sancionado por dopaxe e un “segundo de abordo” competindo con un TUE, unha especie de todo vale médico, que pon en entredito, cando menos, os motivos de ter roto o contrato con Marque.
 
Se a isto lle sumamos a fichaxe de Igor Antón horas antes de que se filtrase a calumnia sobre Marque non queda moita dúbida acerca de ónde partiu esa información nin de cales son eses escuros intereses que a moveron: A COBARDÍA DO EQUIPO MOVISTAR!!!



Non imos rematar esta crítica só no equipo navarro. Qué pasa coa UCI? Por qué este segredo? Hai aberto ou non un expediente sancionador? E se o hai, por qué lle permitiu tomar parte da Volta a Portugal cando foi debidamente informada polo corredor das circunstancias médicas concretas previamente?


Qué pasa coa Federación Española de Ciclismo? Un corredor leva o noso ciclismo ó máis alto polo mundo adiante e non vai ser arroupado inmediatamente e sen ambaxes pola RFEC? Imos ter que ser os galegos os que nos plantemos o vindeiro sábado na Praza do Concello de A Estrada para que saiba que O CICLISMO, O DE VERDADE, o apoia? Non lle caiba a menor dúbida a ninguén dentro da Federación que así será, e o tamaño deste apoio será proporcional á vergonza que deberán sufrir o seu presidente e restantes responsables por non estar alí a carón de todos nós!!!
Deica o sábado amigos!!!

1 comentario: