martes, 15 de julio de 2014

A TORPEZA DE MOVISTAR




Dende que o 13 de Decembro coñecemos a macabra e cobarde manobra de Movistar Team para se desfacer de Álex Marque de xeito fraudulento unha soa idea, un só temor e unha soa preocupación ocupa a mente da ASCIGA.


Esta Asociación pretende abandeirar unha afección de categoría, que é a que formades todos vós, arrexuntando forzas para lograr obxectivos comúns e que o potencial do ciclismo galego se volva reflectir en éxitos ó igual que fixo no pasado a pesar de calquera impedimento.



Eusebio Unzué
Carlos Arribas


















Pero esta afección se ten que enfrontar a retos importantes e conseguilo mantendo boa cara (e boa imaxe) non é tarefa doada. O pasado domingo 13 de xullo tiñamos un reto importante, unha primeira etapa de montaña, que conseguimos superar sen ceder un só metro respecto ós nosos “rivais”. Houbo ducias de ataques que falaban de boicot, de gamberrismo e de provocación a Movistar e todos tiveron a súa resposta tan contundente como cívica. Xunto coa Plataforma de Apoio a Álex Marque nos sentimos orgullosos de que nos deixásedes ser parte dun equipo con tanta clase. Bravo por vos!


Días de traballo, teléfonos votando fume e dores de cabeza tiveron o seu cumprido premio  nunha xornada que foi, como queriamos, unha festa da bici na que ninguén puido esquecer a inxustiza que sofre Álex Marque. Deste xeito viamos cumprido un obxectivo crucial para nos: poder canalizar o xenreira e o malestar da afección, que sabemos que son inmensos, nunha iniciativa chea de simbolismo e civismo a partes iguais.


Poida que todo o esforzo marche pola borda despois de comprobar como a “alongada sombra” de Telefónica de España SA foi quen de ensombrecer o exemplo que todos destes en Compostela nas páxinas de cada xornal. 



70 persoas fronte a 500 é unha cifra o suficientemente significativa como para merecer atención. Sabémolo nós, sabédelo vós e sábeno os redactores dos principais xornais da nosa terra. Pero só eles saben as presións que recibiron para non se facer eco das nosas notas de prensa nin do que alí realmente aconteceu. Vendo a galería fotográfica que publica El Correo Gallego na súa edición dixital é difícil de comprender que non se faga alusión ningunha á mancha amarela que circulou tras do Pelotón Movistar. Tampouco reflicte o acontecido o insulso “Hubo muestras de solidaridad con Álex Marque al inicio de la marcha” de La Voz de Galicia.

Resulta significativo que no propio álbum que colgou Movistar na súa web non fosen quen de camuflar por completo a nosa presenza:


 
Nolo poñen costa arriba. Como diciamos ó principio desta publicación na nosa axenda hai unha data marcada con vermello: o xoves 11 de septembro. Ese día a etapa de La Vuelta parte de A Estrada, fogar do noso bravo Campión. Tratar de agochar o acontecido en Compostela non fará máis que avivar o lume do que alí se vaia a cocer. É por isto que a enorme torpeza de Movistar Team, Movistar, Telefónica, etc… nos pon outro duro repeito no noso camiño, e a un ritmo altísimo que non sabemos se seremos quen de aguantar, pero como calquera que ame este deporte: APRETAREMOS ATE QUE O TÍO DO MAZO NOS VEÑA VISITAR.



Todo pola afección galega, porque o merecedes!

miércoles, 9 de julio de 2014

COMUNICADO MARCHA MOVISTAR



O vindeiro domingo, día 13 de xullo, terá lugar en Compostela un acto promovido e organizado por Movistar Team no que, como xa saberedes, estades convidados a participar mostrando o voso Apoio a Álex Marque lucindo camisetas amarelas.


Se trata dunha marcha que se inclúe na iniciativa Pelotón Movistar e que o equipo navarro e o seu patrocinador filial da compañía Telefónica de España SA está a levar a cabo en catro cidades do noso país: Gijón, Córdoba, Castellón e Santiago de Compostela.



Chegaron xa ós nosos oídos varios rumores que falan de “boicot”, de rebentar a marcha ou de ataque a Movistar e que, como Presidente da ASCIGA, tratarei de esclarecer en apenas catro puntos:


1.- Carácter pacífico. Non é máis que unha reiteración de cantas manifestacións públicas sobre a iniciativa teñen feito tanto os convocantes como a propia ASCIGA: como amantes deste deporte i en atención ós principios que fixan os estatutos desta Asociación condenaremos sempre calquera iniciativa ou acto que pretenda opoñerse calquera campaña que promova o ciclismo, como o é a iniciativa do conxunto navarro.

Entre os propios colaboradores da iniciativa en Apoio a Álex Marque hai xente que está a prestar axuda ós organizadores da Marcha Pelotón Movistar. Sirva como exemplo. Apoiar a Álex Marque non ten por qué chocar coa promoción do ciclismo, é máis, resulta macabro que se poida chegar a esa conclusión. 
Xa temos posto en coñecemento de todos o problema que pode xurdir coas camisetas posto que, unha vez realizada a convocatoria e analizando cada detalle, nos percatamos que os organizadores contratados por Movistar Team obrigan a asistir á Marcha lucindo a camiseta de Movistar que eles mesmos regalan ós participantes. Así volo fixemos saber a todos dende ASCIGA e dende a Plataforma de Apoio a Álex Marque, do mesmo xeito que llo comunicamos á Policía Local de Santiago para que o tivesen en conta, sobre todo a efectos da regulación do tráfico e o efecto que a opción de deixarnos fora da marcha poida supoñer a esta parte da súa xurisdicción.


2.- En canto ós motivos que nos moven a promover esta iniciativa, deberían estar xa claros: dunha parte está, tal como reza o lema, apoiar ó Campión estradense ante a tremenda inxustiza que está a sufrir; motivo ó cal a ASCIGA suma o seu compromiso co ciclismo. Esta Asociación estaría lonxe de loitar polos seus obxectivos se permitise que un equipo como o que patrocina Movistar prostituíse impunemente o noso deporte como pretende facer neste caso.


3.- Por qué Movistar? O contrato de Marque non é con Movistar (falamos do de ciclista profesional, ignoramos con quén ten contratado o teléfono) se non cunha sociedade mercantil radicada en Navarra. Nin a ASCIGA, nin a afección galega ignoramos a diferenza entre equipo – sociedade – patrocinador. Cómo imos ignoralo? Ó fin e ó cabo aínda lembramos que a cabeza de Ezequiel Mosquera serviu para afastar a este patrocinador da plataforma do Xacobeo. Aquela “fantástica” manobra política aínda queima hoxe nas nosas cunetas.


4.- Como conclusión, nin que dicir ten, que o desexo da Plataforma Apoio a Álex Marque ó igual que o da ASCIGA é que a Marcha sexa un enorme éxito, que Compostela sexa o vindeiro domingo unha festa da bici da que todos poidamos gozar. Pero como as palabras as leva o vento isto non quedará nun desexo, e con tal fin a nosa Asociación solicitou a pasada semana autorización para a instalación dun posto de información a escasos metros da zona de saída da Marcha, co fin de termos un punto de referencia ó cal acudir e dende onde organizarnos do mellor xeito para non entorpecer o transcurso da Marcha.





É de supoñer que os rumores que se están a ciscar sexan froito da desinformación e da temeraria ignorancia, e agardamos que este exercicio de responsabilidade sirva, dende xá, para frear temores infundados. Se de algo nos sentimos orgullosos é de que a afección galega é dunha talla extraordinaria e na ASIGA nos está a custar un traballo inmenso estar á vosa altura.


Sen outro particular, convidarvos a todos (de azul ou de amarelo) a pasar polo noso posto que estará instalado na Avenida das Burgas (diante do Instituto Xelmirez I) para mostrar ó noso Campión que non estará só nesta dura etapa e, se o desexades, plasmar os vosos desexos no libro de firmas que poñeremos á vosa disposición e que lle faremos chegar ó rematar a xornada.

FORZA MARQUE!


Juan Torrado.
Presidente ASCIGA.