miércoles, 9 de julio de 2014

COMUNICADO MARCHA MOVISTAR



O vindeiro domingo, día 13 de xullo, terá lugar en Compostela un acto promovido e organizado por Movistar Team no que, como xa saberedes, estades convidados a participar mostrando o voso Apoio a Álex Marque lucindo camisetas amarelas.


Se trata dunha marcha que se inclúe na iniciativa Pelotón Movistar e que o equipo navarro e o seu patrocinador filial da compañía Telefónica de España SA está a levar a cabo en catro cidades do noso país: Gijón, Córdoba, Castellón e Santiago de Compostela.



Chegaron xa ós nosos oídos varios rumores que falan de “boicot”, de rebentar a marcha ou de ataque a Movistar e que, como Presidente da ASCIGA, tratarei de esclarecer en apenas catro puntos:


1.- Carácter pacífico. Non é máis que unha reiteración de cantas manifestacións públicas sobre a iniciativa teñen feito tanto os convocantes como a propia ASCIGA: como amantes deste deporte i en atención ós principios que fixan os estatutos desta Asociación condenaremos sempre calquera iniciativa ou acto que pretenda opoñerse calquera campaña que promova o ciclismo, como o é a iniciativa do conxunto navarro.

Entre os propios colaboradores da iniciativa en Apoio a Álex Marque hai xente que está a prestar axuda ós organizadores da Marcha Pelotón Movistar. Sirva como exemplo. Apoiar a Álex Marque non ten por qué chocar coa promoción do ciclismo, é máis, resulta macabro que se poida chegar a esa conclusión. 
Xa temos posto en coñecemento de todos o problema que pode xurdir coas camisetas posto que, unha vez realizada a convocatoria e analizando cada detalle, nos percatamos que os organizadores contratados por Movistar Team obrigan a asistir á Marcha lucindo a camiseta de Movistar que eles mesmos regalan ós participantes. Así volo fixemos saber a todos dende ASCIGA e dende a Plataforma de Apoio a Álex Marque, do mesmo xeito que llo comunicamos á Policía Local de Santiago para que o tivesen en conta, sobre todo a efectos da regulación do tráfico e o efecto que a opción de deixarnos fora da marcha poida supoñer a esta parte da súa xurisdicción.


2.- En canto ós motivos que nos moven a promover esta iniciativa, deberían estar xa claros: dunha parte está, tal como reza o lema, apoiar ó Campión estradense ante a tremenda inxustiza que está a sufrir; motivo ó cal a ASCIGA suma o seu compromiso co ciclismo. Esta Asociación estaría lonxe de loitar polos seus obxectivos se permitise que un equipo como o que patrocina Movistar prostituíse impunemente o noso deporte como pretende facer neste caso.


3.- Por qué Movistar? O contrato de Marque non é con Movistar (falamos do de ciclista profesional, ignoramos con quén ten contratado o teléfono) se non cunha sociedade mercantil radicada en Navarra. Nin a ASCIGA, nin a afección galega ignoramos a diferenza entre equipo – sociedade – patrocinador. Cómo imos ignoralo? Ó fin e ó cabo aínda lembramos que a cabeza de Ezequiel Mosquera serviu para afastar a este patrocinador da plataforma do Xacobeo. Aquela “fantástica” manobra política aínda queima hoxe nas nosas cunetas.


4.- Como conclusión, nin que dicir ten, que o desexo da Plataforma Apoio a Álex Marque ó igual que o da ASCIGA é que a Marcha sexa un enorme éxito, que Compostela sexa o vindeiro domingo unha festa da bici da que todos poidamos gozar. Pero como as palabras as leva o vento isto non quedará nun desexo, e con tal fin a nosa Asociación solicitou a pasada semana autorización para a instalación dun posto de información a escasos metros da zona de saída da Marcha, co fin de termos un punto de referencia ó cal acudir e dende onde organizarnos do mellor xeito para non entorpecer o transcurso da Marcha.





É de supoñer que os rumores que se están a ciscar sexan froito da desinformación e da temeraria ignorancia, e agardamos que este exercicio de responsabilidade sirva, dende xá, para frear temores infundados. Se de algo nos sentimos orgullosos é de que a afección galega é dunha talla extraordinaria e na ASIGA nos está a custar un traballo inmenso estar á vosa altura.


Sen outro particular, convidarvos a todos (de azul ou de amarelo) a pasar polo noso posto que estará instalado na Avenida das Burgas (diante do Instituto Xelmirez I) para mostrar ó noso Campión que non estará só nesta dura etapa e, se o desexades, plasmar os vosos desexos no libro de firmas que poñeremos á vosa disposición e que lle faremos chegar ó rematar a xornada.

FORZA MARQUE!


Juan Torrado.
Presidente ASCIGA.

2 comentarios: