viernes, 12 de febrero de 2016

Decepcionados pola Xunta de Galicia

Xuntanza de setembro en San Caetano (link) 



O pasado mes de setembro, como sabedes, fomos convocados polo Vicepresidente da Xunta de Galicia, a proposta desta Asociación a unha xuntanza en San Caetano cos máximos responsables da administración autonómica nun tema que nos ten tremendamente preocupados a todos co fin de comezar a traballar en buscarlle solucións. O tema non é outro que o das constantes trampas que aparecen nos nosos montes.

O primeiro, antes de expoñer as nosas inquedanzas e á vista das constantes chamadas que estabamos a recibir de medios de comunicación a nivel nacional, foi preguntar polas medidas que se tiñan tomado ou os traballos que se estaban a levar a cabo en tan delicado tema: Comisario Xefe da Policía Autonómica, Secretario Xeral para o Deporte, Secretario Xeral de Medio Rural e Montes e Vicepresidente da Xunta encolleron os hombreiros... O que se sinte obtendo tal resposta non o ides ler nestas liñas. Cada quen é libre de opinar.

Acto seguido escoitaron a exposición que ASCIGA levaba preparada co noso punto de vista sobre a orixe do problema e as iniciativas que criamos se podían comezar a tomar. Foi entregada copia a cada un dos asistentes e vós podedes botar unha ollada no seguinte link (http://asfaltoearros.blogspot.com.es/2016/02/nin-un-euro-quen-pona-trampas.html).


Tal como vos informamos naquel primeiro momento a mellor nova que nos trouxemos daquela xuntanza foi o compromiso do máximo representante da Policía Autonómica de prestar a máxima atención a este problema e ata onde temos coñecemento dito corpo ven cumprindo escrupulosamente con este cometido dende aquel día.

Imos camiño de cinco meses dende aquel día e seguimos agardando, e non só agardando, foron numerosas as chamadas ó Secretario Xeral de Medio Rural e Montes requeríndolle premura nun tema dunha importancia gravísima sen ter obtido a día de hoxe unha resposta satisfactoria de modo que vimos de remitirlle o seguinte mail que transcribimos de xeito literal:




"Estimado Señor Fernández – Couto, a presente ten relación co tema que nos xuntou o pasado setembro no despacho do Vicepresidente con vostede e cos máximos representantes da Xunta de Galicia, a proposta desta Asociación, co fin único de tratar de evitar que os conflitos que se están a dar nos nosos montes cheguen a causar a morte dalgún veciño. Algo que, como expuxemos xa naquela primeira toma de contacto, é só cuestión de tempo.



Fixemos público naquel momento o noso agradecemento á atención prestada e moi especialmente ó ofrecemento ó Comisario Xefe da Policía Autonómica de investigar a aparición de todas e cada unha das trampas que se atopen nos montes galegos. Ofrecemento co que dito Corpo está a cumprir escrupulosamente.



Do mesmo xeito faremos agora público que, fartos de agardar algún tipo de resposta ou acción por parte da Secretaría que vostede dirixe, e despois de telo instado persoal e directamente en varias ocasións non podemos máis que dar por concluída esta vía de traballo. Nin a acumulación de traballo nin a axenda poden ser escusa a tal demora posto que estamos a falar de evitar a morte dunha persoa, que chegará, e non ten vostede sobre a súa mesa ningún tema máis importante.



Obviamente isto non significa que a ASCIGA se desentenda do problema, continuamos a traballar noutras vías, explorando novos modelos co fin de chegar a un entendemento con todas as partes implicadas pero queda claro que o interese da Xunta de Galicia non é o ben da cidadanía neste caso e nos quedamos coa sensación que fomos convocados a aquela xuntanza co único fin político de “saír na foto”. Pero saír na foto con un representante desta Asociación leva aparellada unha responsabilidade, responsabilidade á que ninguén dende a Xunta de Galicia deu resposta neste tema.



Este comunicado non pecha as portas ó diálogo, todos sabemos que se pretenden presentar calquera tipo de documento de xeito consensuado co colectivo ciclista en Galicia a día de hoxe non teñen máis remedio que pasar polo filtro desta Asociación, e con tal obxecto quedamos á súa enteira disposición e agardamos que nos faga chegar os avances que acaden unha vez comecen a traballar.



Sen outro particular e agardando a súa resposta, reciba un cordial saúdo."





Como dí o propio texto non abandoamos a loita, simplemente non podemos consentir que se empregue esta Asociación nin a súa imaxe con fins políticos nin partidistas e non é outra a sensación que nos deixa a atitude dos responsables da Xunta de Galicia despois de estar case que cinco meses atrás deles para que inicien un camiño que debe levarnos a salvar vidas.

Queremos aquí facer notar o grande labor que están a levar a cabo os compañeiros da Asociación Pedaladas en Pontevedra que seguimos con atención e coa esperanza de poder extrapolala a cantos rincóns de Galicia como sexa necesario para mellorar a seguridade de todos no monte.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario