miércoles, 24 de mayo de 2017

"PARA PEDIR RESPECTO HAI QUE RESPECTAR" ou o síndrome do ciclista acomplexado.




Como faciamos esta mañá coa imaxe mediática de Óscar Pereiro no noso perfil de Facebook volvemos votar man do sensacionalismo cun titular chamativo para captar a vosa atención sobre estas liñas i é que consideramos que hai unha grande desinformación sobre o que se está a cociñar agora mesmo nas "máis altas esferas". Proba disto era o propio artigo que publicaba MARCA esta mañá no que entrevistaban a Pereiro e Carlos Sastre. Obviamente ambos son enormes coñecedores do que acontece a diario nas vías cando se circula en bicicleta e o xornalista acude a eles como opinión de referencia pero sen ter a menor idea (o xornalista) do tema que se está tratando.

Somos os primeiros e recoñecer que ninguén se converte nun santo polo mero feito de ir en bicicleta e que "túzaros" hai en todas partes, ambas expresións acuñadas pola propia ASCIGA no desenvolvemento da súa actividade hai xa anos. O ser humano ten defectos e virtudes a partes iguais, ninguén observa un comportamento esquisito das normas ó longo da súa vida e na bici tampouco.

Feita unha aclaración que non había ser necesaria pasamos ó tema que nos ocupa. Actualmente temos sentados á "Mesa da DXT" ó mesmísimo Ministro de Interior xa que os temas a tratar son tremendamente graves e a situación nas nosas estradas dantesca. Fornte a él, á propia Dirección Xeral de Tráfico e á Fiscalía representantes do mundo do ciclismo e da seguridade viaria NON ESTÁN A FALAR DA LEI DE TRÁFICO nin do seu Regulamento. Non se está a tratar de prioridades de paso, de semáforos pechados nin de límites de velocidade.

Moitos incluso dos que pensades acudir o vindeiro domingo ó Obradoiro é probable que non coñezades en profundidade o que está acontecendo alí e cales poidan ser as súas consecuencias. É probable que a responsabilidade sexa en parte nosa por non dar contado con máis detalle o que vai acontecendo logo imos tratar de situarnos mínimamente.

Poida que o punto máis importante a tratar sexa a "despenalización do homicidio" que se produciu coas últimas reformas do noso Código Penal e que xa amosou unhas desastrosas consecuencias. Vivimos nun Estado onde un homicidio pode saír de balde, iso é o primeiro que se está a esixir: RECUPERAR O RESPECTO POLA VIDA dentro do noso Código Penal.

Mesa Nacional da Bicicleta, Asociación de Ciclistas Profesionáis e Real Federación Española de Ciclismo están pedindo que se corrixa o erro da despenalización das faltas, que conleva que abandonar un ciclista nunha cuneta sexa impune, e a consideración dos homicidios causados por condutas graves en sinistros de tráfico con resultado de morte como delitos dolosos e non imprudentes, que resultan na práctica impunes. En palabras de ConBici: "con la existencia de una amplia conciencia social sobre la gravedad de conducir bajo los efectos de alcohol y drogas o con un patente  exceso de velocidad, no puede ya considerarse que quien lo hace es un imprudente. El que conduce en tales condiciones admite la posibilidad cierta de causar un homicidio, sabe que puede suceder en muy alto grado y, aún así, consiente en que esa probabilidad se materialice".

A risco de resultar unha lectura pesada trataremos de explicalo con claridade, a ver se hai sorte: Temos no noso ordenamento dúas formas de cometer un delicto: con dolo (intención de causar o mal, mala fe) ou imprudencia (na que se causa o mal sen ningunha intención de facelo).

A modo de exemplos: 
- Quen acoitela a outro con intención de matalo comete un homicidio doloso, a súa intención orixinaria era matar a esa persoa concreta.
- Un terrorista que coloca un explosivo nun tren non sabe en principio a quen vai matar, nin a cantas persoas vai matar nin sequera se vai matar a alguén xa que poida que finalmente ninguén suba a ese tren. Sin embargo non se imputa aquí un delito imprudente, para iso existe a figura do dolo indirecto que podemos resumir en que o individuo asume a posibilidade de que coa súa conduta pode certamente matar e se condea por homicidio doloso.

Non debería ser necesario pero imos aclarar aquí que non estamos a chamar terroristas ós que non respectan o 1,5 M, aínda que en certos casos poderiamos falar largo e tendido sobre isto.

ConBici no seu comunicado deixao ben claro, quen realiza unha actividade tremendamente perigosa como é conducir un vehículo a motor baixo os efectos de alcol ou drogas, a unha velocidade excesiva ou con temerario desprecio pola vida dos demáis e como consecuencia mata a unha persoa non está a cometer un delito imprudente, ESTÁ MATANDO CON DOLO.

Estas son as principáis reivindicacións, entre outras, que se levarán o vindeiro domingo ó Obradoiro e nada teñen que ver con sinais de stop, semáforos ou beiravías. Por suposto que vos pedimos sempre que respectedes as normas de tráfico na bici, non habería que ter que repetilo, pero así o faremos sempre. Iso sí, quitade xa dunha vez esa teima da cabeza de que "para pedir respecto hai que respectar", nada no mundo merece máis respecto que a vida humana e, como indicabamos esta mañá, poñer un homicidio na mesma balanza que non respectar un semáforo (que non os respectades moitos, lambóns!) é unha tremenda obscenidade.

Agardámosvos o domingo no Obradoiro para reivindicar o dereito á vida.

Unha aperta, e coidádevos ahí fóra. 



No hay comentarios:

Publicar un comentario