Benvidos todos
a “Asfalto e Arrós” este blog que hoxe estreamos pretende ser un espazo común
para tódolos amantes de dar pedais, sen maior distinción: dende profesionais
exitosos ata o “matao” con sobrepeso que sae só ós domingos; dende o que colle
a bici a diario ata o que a mercou e a pousou no faiado; dende o que entrena
duramente ata o que sae só a polo pan ós domingos (e procurando as costas
abaixo); dende o que lle gusta apretar nas subidas ata o que disfruta soltando
os freos na baixada; dende o que herdou una bici de paseo de seu irmao maior
ata o que deixou de beber coa intención de aforrar para a sua MTB de dobre
suspensión; dende a que non lle gusta o casco porque se lle riza o pelo ata a “fiera”
(que habelas hailas) capaz de deixar en evidencia a calquer “machotiño”. Elites,
máster ou “globeros”, todos temos algo en común: duas rodas e dous pedais capaces de levarnos á fin do mundo.
Dende aquí e a
partires de hoxe trataremos de darvos a coñecer saídas e rutas interesantes,
anécdotas, humor, fotos, seguridade vial, atendermos queixas e suxerencias, así
como calquera iniciativa que queirades iniciar e á que dende aquí lle poidamos
dar pulo, todo relacionado co mundo dos pedais.
Pretendemos
xerar un espazo de diálogo no que poñer en común opinión e experiencias,
comparar e compartir entrenos, quedar para saír (a entrenar ou de paseo), dar
publicidade a eventos que se celebren na nosa terra, etc.
Hai poucas
sensacións máis fermosas que dar pedais, sentí-lo aire na cara, percibir que ti
e a túa bici podedes camiñar xuntos cara onde sexa, descubrir lugares dunha
fermosura incríble, lugares onde non te levou o coche nin a moto, só aquela coa
que tes unha relación especial que non é doada de describir, aquela que te fai
sufrir e disfrutar ó mesmo tempo, aquela que te fai esquecer todo e ordear as
ideas á mesma vez, aquela que te frustra e te motiva a cada pedalada, a que
consegue que sigas adiante cando todo está costa arriba. Pensamos que todos
estes sentimentos merecen cando menos un espazo coma este, por iso dende aquí a
miña benvida a todos!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario